Autor: Lois A.C.

Benvida, tripulación!
Estades no peirao da Real Academia Galega, base principal do Primavera das Letras, un buque ao que cada ano soben milleiros de nenos e nenas cunha misión: coñecer a protagonista do Día das Letras Galegas.

Esta é a nosa sexta singradura. Na bitácora podedes ver os diarios de navegación de anos anteriores: Manuel María (2016), Carlos Casares (2017), María Victoria Moreno (2018), Antón Fraguas (2019) e Ricardo Carballo Calero (2020). A pesar de termos a pel curtida por tantos días de mar, sentimos as mesmas cóxegas no estómago ca o máis novato dos grumetes.

Nesta expedición de 2021 achegámonos a un X maiúsculo das nosas letras: o de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), un cumio da poesía galega das últimas décadas. Non é unha misión calquera. Saímos ao encontro dun océano de versos, dunha vida tan breve coma brillante e vizosa. Coñeceremos a Xela editora, a tradutora, e tamén a muller comprometida coa nosa cultura, co pacifismo, co ecoloxismo ou co movemento feminista.

Revisade os vosos equipos. Este é o material imprescindible para embarcar: aletas, traxe de neopreno, lentes de mergullo e bombona de osíxeno. Mais por riba de todo debedes ter claros os tres mandamentos que debe cumprir a tripulación do Primavera das Letras:

1. Ollos sempre abertos.
2. A palabra é a nosa única arma.
3. Axudarlles aos compañeiros e compañeiras fronte a calquera adversidade.

Unha vez en mar aberto, podedes elixir as vosas propias zonas de mergullo a través das fichas descargables e as actividades interactivas. Non esquezades que tamén vos propoñemos un concurso: Contádenos o voso Día das Letras. Queremos saber como celebrades o 17 de maio nas vosas escolas. Entre todos os centros participantes sortearemos lotes de libros!
Arriade os cabos, partimos con vento nas velas!