Navegamos pola primeira novela da nosa protagonista, outro xeito de contar unha historia con... 2.700 anos!
A Odisea é un cantar moi antigo, transmitido oralmente ao longo dos séculos, porque na Antigüidade case ninguén sabía ler nin escribir. Con todo, houbo quen escribiu ao seu xeito estas historias tan vellas. Un tal Homero fíxoo hai uns 2.700 anos! Hoxe dicimos que é un “clásico” porque a súa historia chegou ata os noso días.
Begoña Caamaño coñeceuno grazas á súa nai, que llo leu dende ben pequena e, un día, fascinada por esas aventuras, matinou: “E se o que nos conta Homero non foi verdade?”. Daquela inventou a súa propia versión da Odisea, co título de Circe ou o pracer do azul, a súa primeira novela.
Imos ver en que consiste cada versión, a de Homero e da de Begoña Caamaño, e despois poderedes saborear algúns petiscos deste libro tan estupendo na sección Xoga connosco. Antes podedes procurar no Dicionario da RAG e preguntarlle á vosa mestra polas palabras que non coñezades.
A historia dunha amizade epistolar (por carta)
Na novela de Begoña Caamaño as protagonistas son Circe e Penélope. Elas, as mulleres, son as que contan o que pasou. Na antiga versión de Homero, quen conta os feitos é un home, Odiseo, hoxe máis coñecido como Ulises. A nosa escritora dálle voz a esas mulleres que, tanto na vida real coma na literatura, estiveron silenciadas. Eran sempre personaxes secundarias e ninguén as escoitaba. E nós imos saber delas grazas ás cartas que intercambian, ata se faceren amigas íntimas. Tanto, que Penélope e Circe acaban confesándose os seus segredos máis secretos, deses que premen no peito e na barriga e que, cando atopas alguén a quen llos contar, de súpeto sentes un alivio tan grande que curas de vez as penas.
Na historia de Homero, Circe e Penélope non se coñecen e mesmo poderían considerarse rivais: Circe está namorada de Ulises, o esposo de Penélope e rei de Ítaca que, tras a guerra de Troia, tardará máis de vinte anos en regresar á súa illa. No seu país non saben se está vivo ou non, daquela non había teléfonos móbiles nin nada que se lle parecese. Entrementres, Penélope tece polo día un sudario que non quere rematar, por iso o destece cada noite. Sabe que cando o remate van dar por morto a Ulises e ela tería que casar cun dos moitos pretendentes que aspiran a ocupar o trono de Ulises. Daquela unha muller non podía mandar en país ningún.
Entre outras aventuras e desventuras que fan que Ulises chegue tan tarde a Ítaca, está o ano que enreda na illa de Eea. Alí só viven mulleres e goberna a deusa Circe. Ela, como é deusa e maga, si que pode mandar en Eea. É unha excepción, é dicir, non é o normal. Segundo o mito, Circe non se fía dos homes e convérteos en porcos e outros animais. Pero Ulises toma unha apócema que lle permite evitar este embruxo e acaba levándose tan ben con Circe que disque, incluso, se fixeron amantes.
Circe ou o pracer do azul fálanos dese ano en que Ulises fica en Eea sen que en Ítaca se saiba nada del, ata que un paxaro milagreiro moi moi chulo (e que sabe falar!) lle leva a Penélope, agochada baixos ás plumas, unha carta de Circe na que a maga lle confesa que Ulises e mais ela están namorados. Ao contrario do esperado, Penélope non se enfada e respóndelle con outra carta. Despois chegarán outras moitas misivas coas que Circe e Penélope irán estreitando a súa amizade.
Todo isto cóntao Begoña imitando o estilo antigo, con fórmulas como o famoso “Así falou Penélope...”. E listo este resumo, mergulládevos agora a chupe nalgúns anaquiños de Circe ou o pracer do azul que, lembrade, vos presentamos na sección Xoga connosco. Escollemos algunhas liñas que han darvos pistas dos segredos desta historia! É literatura para xente maior ca vós; pero sabemos que non sodes menos intelixentes e que, cun chisco de axuda na escola ou na casa, habedes desfrutar deste mundo máxico que recreou a nosa escritora das Letras Galegas 2026.