A ORIXE DA NOSA LINGUA GUAPA
Unha meiga, unha profesora e un grupo de nenas e nenos ben espelidos do CPI Santa Lucía de Moraña protagonizan a primeira película de ficción da Real Academia Galega, baseada en feitos sorprendentes pero reais como a vida mesma. Non perdades a fascinante historia do nacemento dun idioma especial coma ningún outro, porque sodes vós as persoas que tendes o superpoder de seguir a darlle mil primaveras máis de vida! Só tendes que berrar e practicar este esconxuro máxico: Nós, en galego! A nosa lingua guapa!
A orixe da nosa lingua guapa é un filme producido pola Real Academia Galega a partir dunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, autora dunha morea de historias que levan cativado a varias xeracións de nenas e nenos. Damián Varela foi o director da orquestra a partir do guión asinado por Casalderrey e Fátima R. Ruibal, que é ademais a meiga-mestra que protagoniza esta película canda as verdadeiras estrelas: os nenos e as nenas do CPI Santa Lucía de Moraña que se converteron en actores e actrices para a ocasión.
A produción contou co apoio económico da Deputación da Coruña, institución que patrocina todas as iniciativas do proxecto Primavera das Letras.