Paco Martín inaugura 'Das primeiras cousas: autores e autoras da literatura infantil e xuvenil galega', unha produción da Real Academia Galega ao abeiro do proxecto para o público infantil Primavera das Letras.

A serie recolle os testemuños sobre o espertar á lectura e á escrita de distintas figuras das letras galegas con obra obra infantil e xuvenil. Neste episodio, Paco Martín, autor do célebre 'Das cousas de Ramón Lamote', lembra a infancia no barrio lugués de Magoi, onde rapazada e persoas adultas compartían historias da vida e do cinema que narraban oralmente. E tamén como sendo aínda un mociño que estudaba o bacharelato escribiu a súa primeira novela, unha de vaqueiros, baixo o pseudónimo "Martin Churches".

Primavera das Letras (primaveradasletras.gal) é unha iniciativa da Real Academia Galega desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña.