"O mellor que podemos ofrecer é o que é propiamente noso, o máis local é o máis universal", reflexiona Xosé Miranda.
'Das primeiras cousas: autores e autoras da literatura infantil e xuvenil galega' é unha produción da Real Academia Galega protagonizada por distintas figuras das letras galegas con obra destinada aos lectores e lectoras infantís e xuvenís. Nela comparten como foi o seu espertar á lectura e á escrita, e por que decidiron escribir para a infancia e a mocidade. O proxecto complétase coa lectura de fragmentos de distintos libros na voz dos seus autores e autoras.
A serie é unha iniciativa promovida ao abeiro de Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), un proxecto da Real Academia Galega arredor da infancia desenvolvido co apoio da Deputación da Coruña.