Morgana é unha meiga moi, moi especial. Non tivo a vida fácil, e aínda por riba a historia encargouse de falar mal dela. Rexoubas ruíns e inxustas segundo nos descobre Begoña Caamaño na súa segunda novela: Morgana en Esmelle (2014). Ha ser unha lectura que vos ha fascinar cando medredes dabondo, mais convidámosvos a saber de morganoloxía dende xa. Velaquí unhas cantas claves para acadardes canto antes a medalla de especialistas na fada que viaxou ata un recuncho de Galicia, da man da protagonista das Letras Galegas 2026, co propósito de entender o porqué da triste historia que lle tocou vivir. Se non coñecedes algunha palabra, lembrade buscar o seu significado no Dicionario da Real Academia Galega. Nós marcamos unhas cantas que nos resultan complicadas ou que nos gustan especialmente. Premede en cadansúa ligazón para descubrirdes o que queren dicir.
Imos botar a vista ben atrás para coñecermos os antecedentes. Morgana é unha das personaxes secundarias das aventuras do rei Artur, o mítico rei de Britania, e os seus cabaleiros da Táboa Redonda. Estas lendas teñen as súas raíces na tradición oral das Illas Británicas e da Bretaña francesa, e disque se inspiran nun monarca que existiu de verdade no século V, hai uns 1500 anos! Non tantos coma os que ten a historia de Circe e Penélope pero son tamén a varrer!
Despois de moito tempo pasando boca a orella dunhas persoas a outras, as lendas artúricas escribíronse por primeira vez no século XII e espalláronse axiña por Europa. Todo isto aconteceu moito antes de que existisen os libros como os coñecemos hoxe, os que saen das imprentas; e aínda máis, moito antes de que se inventasen a televisión, Internet, as tabletas, os móbiles... En cada lugar e en cada época foron xurdindo moreas e moreas de novas versións destas lendas, tanto populares coma escritas por grandes narradores que lles engadiron episodios e personaxes, e que mesmo introduciron cambios nas historias dos protagonistas.
Na literatura galega contemporánea (a que se escribiu a partir do s. XIX), a primeira versión destas lendas artúricas en forma de novela é Merlín en familia (1955), de Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Pero este fabulador de Mondoñedo non escolleu contar de novo as batallas do rei Artur e os seus cabaleiros para defender as Illas Británicas dos invasores. O seu libro ten como protagonista a Merlín, posiblemente o mago europeo máis mago de todos os tempos. Tan mago era que, coa súa maxia, fixo que nacese Artur e se convertese no gran rei de Britania. Tamén se encargou de educalo e guialo para que fose o mellor dos gobernantes!
Merlín e familia non nos fala deses momentos de esplendor, senón dos últimos anos de Merlín. Nas lendas artúricas, o feiticeiro Merlín pasou a vellez na fraga de Brocelandia, situada na costa norte de Francia. Segundo Cunqueiro, Merlín veu, en realidade, para Galicia, en concreto para a súa casa de Miranda, no medio da selva de Esmelle, que leva o nome dunha parroquia de Ferrol. E na selva de Esmelle transcorre tamén a historia de Morgana en Esmelle que escribiu Begoña Caamaño.
Merlín mudouse a Esmelle, segundo a versión de Cunqueiro, acompañado de Xenebra, a viúva de Artur. E alí acode xa maior Morgana, na novela de Begoña Caamaño, para lle pedir explicacións ao mago que lle roubou a infancia. Porque Morgana, tal como nos descobre a nosa escritora, non foi a responsable da caída de Camelot (a corte do rei Artur), senón unha das vítima dos plans revirados do bruxo para supostamente salvar Britania. Uns plans tan, tan revirados que levaron a nai da pequena á tolemia. E ata aquí podemos contar, que se non isto xa vos é moito espóiler!
Como fixera antes en Circe ou o pracer do azul, Begoña Caamaño reescribe en Morgana en Esmelle o mito deixando de culpar as mulleres de grandes males, algo que fora moi común durante séculos e séculos. E faino levando a Morgana á fraga de Esmelle (que está por Ferrol) para tratar ela de comprender todo o que lle aconteceu no pasado, porque iso pode axudar a sandar as feridas da alma. Pero non só lle dá voz á fada. Como a boa xornalista que era, que sabe escoitar as distintas partes, contrastar as fontes, poñerse no lugar do outro con empatía, inclúe ademais os puntos de vista da súa tía Viviana e de Merlín, namorados na mocidade que viviron na illa do coñecemento, Ávalon, pero rivais despois, por mor das visións opostas que tiñan sobre cal era a estratexia correcta para garantir o futuro de Britania.
Morgana en Esmelle é, así, unha historia que defende a liberdade das mulleres para acceder ao coñecemento e elixir a vida que queren levar igual cós homes, mais tamén unha crítica ao dano que se lles fai a moitas persoas en nome supostamente do ben colectivo.