A Coruña e Sada foron dous espazos vitais fundamentais da vida de Luísa Villalta, a autora á que neste 2024 a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas. Iso será o 17 de maio, pero a celebración comeza xa adiantando o comezo da primavera! Si, si, oídes ben!
Este 27 de febreiro estreamos a Primavera das Letras da man da comunidade educativa do CEIP Sada y sus Contornos e mais do IES Isaac Díaz Pardo, tamén en Sada, onde a nosa escritora foi profesora dende 1991 ata o seu pasamento en 2004. A nova edición déixanos para empezar unha fermosa biografía dela en forma de conto que escribiron para vós con moito agarimo Xoán Babarro e Ana María Fernández: Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, en cuxas páxinas A Coruña está moi presente, igual ca nos versos de Luísa.
Nesta historia, ilustrada cuns debuxos que tamén nos encantan por Óscar Villán, os guías pola vida da nosa protagonista son o seu violín, a guitarra inglesa de Rosalía e unha rapaciña que agocha un segredo! A sorpresa que ides levar cando o descubrades!
Na sección Xoga connosco propoñémosvos algunhas actividades interactivas, que irán sendo máis nas vindeiras semanas. Tamén atoparedes nesa lapela os deseños dos nosos marcapáxinas e chapas da Primavera das Letras de Luísa Villalta, así como fichas para colorear.
E como cada ano convocaremos o concurso Contádenos o voso Día das Letras. En breve teredes todos os detalles!
Nesta páxina web tamén atoparedes a curtametraxe A orixe da lingua guapa, unha película sobre o nacemento da nosa lingua protagonizada polos nenos e nenas do CPI Santa Lucía de Moraña. Se aínda non a vistes, a que agardades!